Alta inserción laboral das persoas participantes no Programa Integrado de Emprego de Fundación Laboral de la Construcción de Galicia 2025/26
O 85% das persoas participantes acadaron os obxectivos de inserción laboral, segundo datos da entidade paritaria.
O 47% -é dicir, un total de 40- atoparon traballo en construción e afíns, axudando a paliar a falta de man de obra do sector grazas ao proxecto financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Servicio Público de Empleo Estatal (SEPE).
-
Participantes do programa formáronse en montaxe de estadas apoiadas. -
Participantes do programa formáronse en montaxe de estadas apoiadas. -
Participantes do programa formáronse en Prevención en traballos en altura. -
Participantes do programa formáronse en Prevención en traballos en altura. -
Participantes do programa formáronse en Operacións con Plataformas Elevadoras Móbiles de Persoal (PEMP). -
O Programa Integrado de Emprego 2025-2026 vén de concluír en Galicia.
Un total de 85 das 100 persoas participantes no Programa Integrado de Emprego de Fundación Laboral de la Construcción de Galicia 2025/26, que acaba de finalizar, acadaron os obxectivos de inserción laboral, segundo datos da entidade paritaria. Desta maneira, supérase amplamente o obxectivo de inserción mínimo comprometido, situado no 45%.
De acordo coa información proporcionada por Fundación Laboral de la Construcción, das 85 persoas que atoparon traballo, o 47% -é dicir, un total de 40- fixérono en construción e afíns, axudando a paliar a falta de man de obra desta industria. Ademais, 21 das 40 persoas inseridas en empregos do sector teñen 30 anos ou menos, polo que o proxecto contribuíu á remuda xeracional nunha industria moi envellecida e sen relevo.
21 prácticas en empresas
Formar en oficios e prevención de riscos laborais en construción e traballar a intermediación laboral directa co tecido empresarial para mellorar a empregabilidade é a finalidade do programa, dirixido a persoas desempregadas das comarcas de A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.
O Programa Integrado de Emprego de Fundación Laboral de la Construcción de Galicia 2025/26, concedido pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e financiado pola Xunta de Galicia e o Servicio Público de Empleo Estatal (SEPE), dirixiuse a 23 persoas no Centro de Arteixo, 26 no Centro de Santiago e 51 no Centro de Vigo.
As persoas participantes contaron cun acompañamento e intermediación para asesoralas e orientalas sobre as oportunidades de formación e emprego que mellor encaixan coas súas situacións persoais e profesionais. Para iso, as empresas do sector achegáronse aos Centros de Fundación Laboral coa fin de coñecer e entrevistar ás persoas participantes que finalmente realizaron 21 prácticas en empresas.
Máis de 712 horas de formación vencellada ao sector
O programa incluíu 712 horas de formación en 38 especialidades do SEPE relacionadas co sector da construción tales como montaxe de estadas apoiadas; execución de paredes de ladrillo con revestimentos de placa de xeso; colocación de revestimentos continuos en fachadas; colocación de Sistemas de Illamento Térmico polo Exterior (SATE); operacións con plataformas elevadoras móbiles de persoal (PEMP) e formigón.
Ademais cada participante dispuxo dunha bolsa de asistencia de 10€/día así como medidas de conciliación.
A finalidade deste tipo de programas é contribuír á dinamización do mercado laboral, implementando estratexias e accións conducentes a incrementar a empregabilidade e acadar a inserción laboral das persoas en busca activa de emprego.